sábado, 24 de octubre de 2009

Ilustracións para Os autómatas...





















Ilustracións para Os autómatas...

No verán de 2008 recuperei o texto "Os autómatas da quinta xeración" e incorporeino ó material da miña colaboración no curso Actualización en Xerontoloxía da USC que se celebrou en Caldas de Reis, que versaba sobre "técnicas teatrais e parateatrais con persoas maiores".

Os alumnos participantes no curso fixeron unha lectura improvosada que acompañamos con sons de trebellos tamén improvisados aproveitando material de refugallo conseguido in situ (botes, botellas de plástico, chapas, corchos...), algo de arroz e garabanzos...

Na avaliación que os asistentes fixeron do curso, a actividade foi considerada como a máis sorprendente do mesmo, feito que aledou porque unha das funcións do teatro é precisamente a de sorprender para poder así toca-lo espíritu dos espectadores.










Ilustracións para Os autómatas...

Os autómatas... foi concebido coma un conxunto no que se misturaban voces, imaxes e sons...

Non podendo recupera-las imaxes orixinais coas que se presentou o traballo por primeira vez, collages case na súa totalidade, sentín a necesidade de crear novas imaxes para un texto que xurdíu coma un xogo, unha tolemia, un despropósito e que hoxe, dez anos máis tarde, poidera ter unha lectura moi diferente.















Ó redor do tres

Aniversario do nacemento de Eugenio Granell,
29 de novembro (2008)

O meu papá, a miña mamá e máis eu sumamos tres que, con outros tres fan trinta e tres, a idade de Cristo menos un mes, pero non somos a Sagrada Familia; vivimos no terceiro piso do número tres da rúa dos Tercios de Flandes, formando o triunvirato que goberna a nosa casa.

Meu pai, que se chama Tricomedes, de neno aprendera de memoria o conto dos tres porquiños e pedíralle un triciclo ós tres Reis Magos; lera “Os tres mosqueteros” que, por certo, non levaban tricornio, ó mesmo tempo que estudaba trigonometría; desde que sofrira unhas terciarias, compón tercetos que vende a tres euros (cinco centas pesetas das de antes) tres veces ó ano.

Últimamente pasa o tempo contemplando a foto dos tres das Azores e pensa no dito “Tres eran tres las hijas de Helena, tres eran tres y ninguna era buena”; pero, coida el, a ese trío calavera, que non son máis que tres pés para un banco, non merece a pena mandarlleles un foguete de tres estalos. É preferible poñer un disco da Trinca ou contempla-lo cuadro das Tres Gracias; ou millor aínda, recordar anécdotas das Tres en Punto, tamén chamadas Marías, que nada teñen que ver coas tres que estiveran ó pé do Calvario.

A miña nai, Trigesmunda, góstanlle as cancións do trío Los Panchos e dos Tres Sudamericanos, que din aquilo de “tres cosas hay en la vida; salud, dinero y amor”; veu tres veces “El tercer hombre”, é capaz de dar un triple salto mortal sobre unha trepia axudándose dun tridente e sempre leva na manga un trío de ases.

E Trilodoro, que son eu e sofro triscaidecafobia desde os tres anos, vou á catequese e tento comprende-lo misterio da Santísima Trinidade, Pai, Fillo e Espíritu Santo, que sempre aparecen representados por un triángulo; lembro a diario que as Virtudes Teologais son tres: Fe, Esperanza e Caridade e fago todo o posible por triplica-la miña escasa paga semanal para mercar unha pelota tridimensional e non ter que xogar sempre ó tres en raia con Trifón e Trifina que ¡forman cada trifulca!
A.C. Para o desenvolvemento sen fronteiras